Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Cianuro nas mazás

O blog de ciencia de Praza Pública
Sobre o blog  

Galicia tropical

Canto tempo hai que non oídes falar nos medios de cambio climático? Eu teño a sensación de que bastante. Quedaron atrás aqueles días de bonanza económica nos que se dicía que este modelo de crecemento indefinido non ía a ningures. Que o quecemento global tiña un impacto decisivo no clima, e polo tanto na vida das persoas. Pois nada, oes…agora estamos todos desexando que volva o crecemento!

Sen embargo, o problema segue aí. Estes vaivéns amosan canto de superficial e interesado ten o tratamento deste tema na opinión publicada. Seguro que incluso tedes oído afirmar a determinados sectores que todo iso do cambio climático e un invento dos científicos e outras xentes de mal vivir.

Parafraseando a Roberto Vilar e á súa patulea, afortunadamente a Ciencia non para! A comunidade científica sabe que este é un problema real que hai que combater e estudar. Mentres tanto outros seguirán calando, como agora que interesa o crecemento económico, ou intoxicando abertamente cando a xente non estea abafada pola crise e teña tempo e gana de pensar no medio ambiente. Vexamos algúns exemplos do que fan uns e mais os outros.

Investigadores de todo o mundo, que traballan en como entender este fenómeno, veñen de crear o proxecto GEOSS (Global Earth Observation System of Systems – http://www.earthobservations.org/geoss.shtml). Tempo atrás decatáronse de que eran moitos pero que traballaban illadamente. Este proxecto servirá para abordaren o tema dunha maneira coordinada e integral. Crearán unha enorme plataforma informática para que se poida acceder a traves de Internet á gran cantidade de datos da que xa se dispón. Así mesmo pretenden colaborar para trasladar os beneficios das súas investigacións a diversos ámbitos como a prevención de catástrofes, mellora da agricultura, biodiversidade, etc.

Para que poidamos taparllela boca a aqueles que din que a temperatura media na Antártida non subiu tanto, temos novos resultados publicados na revista Nature ([1] e [2]). É certo, non hai un aumento tan grande da temperatura media. Pero as que son realmente grandes son as variacións da temperatura entre o verán e o inverno. Isto provoca, ademais, un efecto oculto ata agora. O cambio climático produce cambios nos ventos e nas correntes  e fai que entre auga morna nos mares da Antártida a grande profundidade. Isto provoca un adelgazamento das placas de xeo desde a súa parte mais profunda que non fora contabilizada.

E mentres tanto, que fan os malos? Ós que non lles interesa nada disto? Pois segundo unha nova que Eric Talmadge de Associated Press publicou en varios medios (http://www.times-standard.com/ci_20406005/ice-cap-melts-militaries-vie-arctic-edge), andan moi enleados co que pasa xusto no outro estremo de planeta. O Círculo Polar Ártico está a piques de se derreter e teñen moito interese en botarllelas gadoupas os combustibles fósiles e outros múltiples recursos naturais que alí esperan atopar. E tamén están moi interesados nas novas rutas marítimas que alí se abrirán permitindo unha rápida conexión entre continentes. Diversos países andan a facer maniobras militares para asegurarense unha soberanía sobre unha porción dese novo mar.

Pois ben, este é o escenario. Ogallá o resultado final desta falsa polémica sexa o mellor para todos. Eu desde logo, non estou disposto a acabar visitando unha Galicia tropical (non pensemos xa nunha desértica…). Necesitamos o frío e a choiva para ser nos, para que haxa Entroido, para comer filloas, para seguir tendo verde, para que os avós lle conten contos ós nenos cando hai temporal e non se pode saír da casa. Ah, e tamén para ter embalses e parques eólicos que exploten outros sen deixarnos un peso. Para iso e para moitas cousas máis non queremos cambio climático nin Galicia tropical!

Daniel Piso (@DaniPiso)

[1] H. D. Pritchard et al., “Antarctic ice-sheet loss driven by basal melting of ice shelves”, Nature 484, 502–505 (26 April 2012).

[2] N. Ross et al.,Steep reverse bed slope at the grounding line of the Weddell Sea sector in West Antarctica, Nature Geoscience. Accepted April 2012.

  1. praza-ciencia posted this